Skip to content
Linguas Tecidas
GL ES EN

Vir vivir a Monforte de Lemos: guía práctica

Monforte de Lemos é unha cidade duns 18.000 habitantes no sur da provincia de Lugo, no medio da Ribeira Sacra. No noso grupo hai xente de aquí e xente de todas partes, así que esta é a guía que lle dariamos a alguén que acaba de chegar ou que o está pensando.

O primeiro: o padrón

Empadróate no Concello. Vaiche facer falta para a sanidade e para case calquera outro trámite, así que convén facelo axiña. Leva o pasaporte ou o DNI e o contrato de aluguer, ou unha autorización asinada pola persoa propietaria. Faise en persoa no Rexistro Xeral, na planta baixa do Concello, en horario de atención ao público. Tes os detalles na páxina do padrón do Concello.

Sanidade

A sanidade pública depende do SERGAS, o Servizo Galego de Saúde. En Monforte hai un centro de saúde na rúa Doutor Casares, onde terás o teu médico de familia, e o Hospital Comarcal de Monforte.

Como moverse

Monforte medrou arredor do ferrocarril e segue a ser un nó ferroviario. Hai trens a Lugo, Ourense, Vigo, A Coruña, Ponferrada e Madrid, e un a Barcelona, aínda que a maioría son rexionais e lentos. Agora mesmo algúns servizos fanse en autobús por obras na vía, así que consulta antes de viaxar. Os billetes, en Renfe.

A cidade pódese percorrer a pé, pero con bici ou coche todo resulta moito máis doado, e para as aldeas e os canóns vas querer un dos dous.

Atopar casa

Sexamos sinceros: atopar vivenda é difícil. Mira en Idealista, pasa polas inmobiliarias da cidade e pregunta a todo o mundo, porque moitos alugueres nunca se anuncian. Pregunta tamén no noso grupo de WhatsApp; se cadra alguén sabe de algo.

Aprender galego (e castelán)

En Monforte vas escoitar galego por todas partes, e a xente agradece moito que o intentes.

Mercados e compra

  • A Praza de Abastos, na rúa Bailén, ten peixaría, carnizaría, froita e unha cafetaría, e abre todas as mañás das 9:00 ás 14:30. Algúns fins de semana acolle mercados temáticos.
  • A feira mensual enche o Campo da Feira os días 6 e 24 de cada mes, coas súas polbeiras incluídas. Máis información na páxina de mercados do Concello.

Café, comida e viño

  • Os sitios onde facemos os encontros son un bo comezo: a Cervecería Mulligans, o Ateneo Casino e Mon: Come y Sueña.
  • Proba o polbo na feira.
  • Monforte é a capital da Terra de Lemos e está na Ribeira Sacra, así que o tinto da zona nunca queda lonxe.
  • Pregunta nun encontro polos favoritos de cada quen. Todo o mundo ten algún.

Traballo, benestar e comunidade

  • Rizoma é un coworking xestionado pola súa comunidade na avenida de Galicia: 50 € ao mes ou 10 € ao día, e o primeiro día é de balde. Acolle algúns dos nosos encontros, e Lúcia dá clases de meditación alí.
  • Ioga con Maysie en Tanquián, unha ecofinca en Pantón, á beira de Monforte. Pregúntanos e dámosche os detalles.
  • Sen Mercar é un grupo de WhatsApp local para non mercar nada, onde a xente regala e pide cousas. Pregúntanos e dicímosche como entrar.
  • Linguas Tecidas xúntase cada semana. É a maneira máis doada que coñecemos de coñecer xente aquí.

Saír ao aire libre

  • O río Cabe atravesa a cidade, cun paseo polas dúas beiras. De mediados de xuño a mediados de setembro alúganse barcas no Parque dos Condes, e un sendeiro segue o río cara á parroquia de Piñeira.
  • A Ribeira Sacra comeza na porta da casa: os canóns do Sil e do Miño, viñedos en socalcos e igrexas románicas. Na web de turismo da Ribeira Sacra hai ideas.
  • A Terra de Lemos é Monforte máis Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober. Cada un dá para unha boa excursión.

Que ver na cidade

  • A Torre da Homenaxe, no máis alto da cidade, formou parte do castelo de San Vicente: 30 metros de altura, cun pequeno museo dentro e vistas a todo o val de Lemos.
  • O Colexio de Nosa Señora da Antiga, que polo seu tamaño e as súas liñas lembra o Escorial. O seu museo garda pinturas do Greco e de Andrea del Sarto.
  • O Museo do Ferrocarril de Galicia, na antiga rotonda de locomotoras á beira da estación, cunha gran colección de coches históricos.
  • O casco vello, para percorrer a pé. A web de turismo ten rutas e horarios.

Ao longo do ano

  • A feira medieval en Semana Santa, cando o casco vello se enche de postos, artistas de rúa e xente disfrazada.
  • As Festas dos Chaos, por San Xoán, o 24 de xuño.
  • O Festival do Viño da Ribeira Sacra, o primeiro ou o segundo fin de semana de xullo, no Paseo do Malecón, á beira do Cabe.

A páxina de festas do Concello ten o calendario completo.

Ven saudar

Mudarse a un sitio novo é máis doado con algunhas caras coñecidas. Consulta os próximos encontros ou únete ao grupo de WhatsApp, e ven. É de balde e todos os niveis son benvidos.

← Blog